8 septiembre 2010
« Volver

Turismo

A lenda de Marcolfo

No ano 1520, en Redondela, nun fermoso porto de mar case ao fondo da ría de Vigo, vivía un famoso astrólogo e adiviño de grande soa en moitos lugares de Galicia. O seu nome era Marcolfo. Pola súa fama, a súa boa presenza e os seus dotes de sabio, gozaba dunha grande consideración e prestixio, sendo moi estimado. Solicitou por esposa á nova filla dun patrón mariñeiro, a quen chamaban ”a linda Almena”, e casou con ela.

Viviron así Almena e Marcolfo moi ledos e felices, e a fama do astrólogo estendeuse por moitas partes, por aquilo de ter, ademais dos seus coñecementos científicos, unha fermosa muller e unha boa posición economica. Mais isto, precisamente, foi a súa perdición. Esas noticias tan afagadoras para él chegaron os oídos dun grande pirata, o máis cobizoso e cruel corsario que por aqueles tempos sucaba o océano como único rei sobre as augas.

E aquel pirata, coñecido coma ”capitán Sempronio”, sentiu no seu corazón o desexo de que aquel era un encoro que merecía ser conquistado. Entón buscou por todas partes e con cantas mañas imaxinar puido, o camiño e os medios para dar o asalto, que esta vez consideraba moito máis doado que as abordaxes a que estaba acostumado sobre as movedizas e axitadas augas do mar e fronte os canóns que defendían as naves.

Daquela había en Redondela un santo patrón dunha igrexa que estaba fora da vila e a unha certa distancia dela. Tratábase dunha cofraría, e dende logo, a festa era privativa dos homes. As mulleres ficaban soas nas súas casas. Sempronio, ben informado deste feito, chegou a Redondela a noite anterior a esta festa e permaneceu oculto xunto a varios dos seus homes.

Sempronio recibiu a nova de que todolos homes de Redondela comeran
xuntos despois da misa e dirixíanse cara a uns oliveirais onde sempre ían para divertirse con diversos xogos. Seguro de que Marcolfo estaría nese lugar, dicindolle a moitos dos seus veciños as súas adiviñacions e o que lles ía acontecer, o pirata aproveitou a ocasión e foi á casa do astrologo. Levouse as cousas de máis valor e tamén á súa muller, Almena. Meteuna dentro do seu barco, e despois de encerrala non seu camarote, o barco saíu cara o mar levándose o rico botín.

Cando tódolos homes de Redondela souberon a nova de que o pirata fora a casa de Sempronio, deixaron os seus xogos e correron á vila para toma-las armas; pero cando chegaron era tarde...xa partira o bergantín do pirata.

O triste Marcolfo, achando a súa morada baleira, sen bens nin muller, dirixiuse á ribeira e subiuse a un alto penedo. Atando un grande pano no extremo dun pao, axitouno no ar e comezou a berrar, chamando á súa querida Almena e facendo sinais. Pero o navío estaba xa lonxe e non fixo caso ningún nin dos seus sinais nin dos seus berros, non tardando moito en desaparecer no horizonte. Entón, o desesperado Marcolfo, dende o alto do penedo que estaba á beira do mar, lanzouse nun grande salto e caeu sobre unhas rocas batidas polas ondas, perecendo entre as augas.

A xente de Redondela, apiadándose da súa desgracia e cunha grande tristura pola súa morte, despois de o ter recollido, abríronlle un sepulcro dentro duns penedos que están en medio do mar e os cales non se pode chegar sen barco.

E así , deste xeito, rematou a triste historia do famoso adiviño que non puido adiviñar a súa propia e terrible sorte...

Quiero asociarme

Redondela. Centro Comercial Aberto Mercados de Redondela Tarjeta Comercio Redondela

ASOCIACION DE EMPRESARIOS DE REDONDELA
R/ José Regojo, 2 - 1ºB  36800 Redondela, Pontevedra (España)  Telf: 986 404012   aer@empresasredondela.com

Cofinanciado por: Deputación de Pontevedra