6 setembro 2010
« Voltar

PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS A PEQUENOS COMERCIANTES OU PROMOTORES DE COMERCIOS NO RURAL.

17 xuño 2010

 Material Relacionado 

OBXECTO E RÉXIME DA SUBVENCIÓN:

1. A subvención regulada por estas bases ten por obxecto fomentar a adecuada dotación comercial no medio rural (oferta de produtos de primeira necesidade e servizo de hostalaría), así como promover a modernización dos establecementos situados en zonas rurais e a adhesión ao selo de Comercio Rural Galego.

Para os efectos desta orde considéranse comercios rurais os situados en:
a) Concellos de menos de 5.000 habitantes, de acordo co establecido no Real decreto 1918/2009, do 11 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2009.
b) Núcleos de poboación que non superen os 1.500 habitantes, situados en concellos de máis de 5.000 habitantes, con ou sen planeamento municipal vixente.

2. O procedemento de concesión desta subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderá exceder os límites cuantitativos (200.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) 1998/2006, da Comisión da Unión Europea, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE nº L379/5, do 28-12-2006). Non se poderán conceder subvencións ás empresas dos sectores excluídos do dito regulamento.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitable respondan á natureza da actividade subvencionable.

En concreto, considéranse actuacións subvencionables, sempre que sexan levadas a cabo desde o 1 de xaneiro de 2010 ata o límite do prazo de xustificación que consta no artigo 17º.1 destas bases, as seguintes:
a) A adecuación de novos locais comerciais ou reforma e/ou ampliación dos existentes, nos cales a sala de vendas de comercio en réxime de autoservizo deberá ocupar como mínimo o 30% do espazo destinado ao público sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados e teña unha superficie mínima de 30 metros cadrados de sala de vendas.
b) A reforma da fachada da edificación onde se ache o establecemento.
c) A adquisición do mobiliario do local comercial.
d) O rótulo da Rede de Comercio Rural Galego.
e) A adquisición do equipamento preciso para o desenvolvemento da actividade.

4. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as seguintes actuacións:
a) A reforma ou a rehabilitación de dependencias non relacionadas coa actividade.
b) A adquisición de locais e, en xeral, de bens inmobles.
c) Os gastos de funcionamento da actividade.

As obras e mais a compra de material deben ser executadas segundo o proxecto de obra validado pola Rede de Comercio Rural Galego. Para o cálculo do investimento subvencionable, o orzamento de execución material non será superior a 800 €/m2.


FINANCIANENTO :

1. As subvencións que se establecen para as actuacións obxecto desta orde serán con cargo á aplicación orzamentaria 08.03.751A.770.4 Rede de Comercio Rural Galego, cun importe máximo de 1.020.000 € para o ano 2010, e isto sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios do artigo 10º.


2. As subvencións consistirán nunha disposición en diñeiro a fondo perdido do 70% do investimento en activo fixo, cun máximo de 60.000 €, IVE excluído.


3. O importe da subvención regulada nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o 100% do investimento subvencionable.


4. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das reguladas por esta consellería para os mesmos conceptos subvencionables.


PERSOAS BENEFCIARIAS:

1. Poderán ser beneficiarios/as da subvención, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, os/as comerciantes ou futuros/as comerciantes retallistas, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sociedades civís e comunidades de bens, que teñan capacidade legal para exercer o comercio e se dediquen a el de xeito habitual, de acordo coa definición establecida no artigo 1 do Código de comercio. No caso de sociedades, polo menos un das/os socias/os debe dedicarse de forma habitual á actividade comercial.


Cando se trate de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


2. As persoas beneficiarias deben ser propietarias do local en que desenvolven ou pretenden desenvolver a súa actividade ou ter unha disposición sobre el, por calquera medio válido en dereito, que permita realizar o investimento proxectado. Se dispoñen de contrato de aluguer, deben achegar o compromiso do/a propietario/a de que o establecemento se manterá na Rede de Comercio Rural Galego 10 anos.


3. Os/as beneficiarios/as deben cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan ou vaian desenvolver a súa actividade comercial na Comunidade Autónoma galega, de acordo co establecido no artigo 1º destas bases.


b) Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das seguintes agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas:
No caso da actividade comercial:
-647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e de bebidas en xeral.
No caso da actividade de hostalaría deberán acollerse a algunha das epígrafes incluídas en:
-672. Servizos en cafetarías.
-673. Servizos en bares e cafetarías con e sen comida.
En calquera caso as actividades poderán complementarse coas relatadas no anexo II desta orde.
c) Que non superen os/as dez traballadores/as.
d) Que a sala de vendas do comercio estea en réxime de autoservizo e teña como mínimo 30 metros cadrados. Así mesmo, deberá ocupar, como mínimo, un 30 % do espazo destinado ao público, sempre que a superficie resultante non supere os 150 metros cadrados.

Os/as solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.


COMPROMISOS DOS /AS SOLICITANTES:

1. Adherirse á Rede de Comercio Rural Galego, unha vez rematadas as obras e superada a auditoría de comprobación do organismo xestor da rede.
2.Realizar a rehabilitación seguindo o manual de adecuación do local e segundo o proxecto validado pola rede.
3.Presentar a xustificación do investimento ata o 30 d novembro de 2010.
4.Manter o establecemento aberto e en funcionamento durante 10 anos seguindo os requisitos de xestión recollidos nos manuais da rede.
5. Ofrecer os produtos e servizos exixidos pola rede.
6.Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a entidade responsable das auditorías da Rede de Comercio Rural Galego.


PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES:

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. para estes efectos, entederase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

PRAZO DE DURACIÓN DO PROCEDEMENTO DE CONCESIÓN:

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes,estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladora, que non poderá ter unha duración superior a seis meses.





Quero asociarme

Redondela. Centro Comercial Aberto Mercados de Redondela Tarjeta Comercio Redondela

ASOCIACION DE EMPRESARIOS DE REDONDELA
R/ José Regojo, 2 - 1ºB  36800 Redondela, Pontevedra (España)  Telf: 986 404012   aer@empresasredondela.com

Cofinanciado por: Deputación de Pontevedra